23.5.16

Set pay, unha solución galega para cobrar con tarxeta en calquera lugar

 
 Xoán e David, de Setpay

"Premio Iniciativa do Colexio de Enxeñeiros, Premio BStart UP do Banco Sabadell e seleccionada para o centro de emprendemento do Gaiás, o Galicia Open Future. Estes son algúns das distincións que xa acumula Set Pay, unha empresa tecnolóxica galega nacida hai só tres anos e que xa comeza a medrar no estranxeiro. Entrevistamos ao seu CEO, David Pombar Lourido, que nos conta, entre outras cousas, as vantaxes do seu trebello e como a burocracia -no seu caso do Banco de España- prexudicou os seus primeiros pasos.

O seu modelo de negocio é levar as terminais de cobro mediante tarxeta de crédito a lugares -feiras, reparto a domicilio, etc.- nos que non era común debido a falta de autonomía destes trebellos. Cales son as vantaxes que ofrece a terminal de Set Pay sobre outras solucións anteriores?

Hai unha grande ventaxa nos sectores con necesidade de mobilidade. O noso dispositivo permite aceptar pagos con tarxeta en calquera lugar onde se poda facer unha chamada co móbil.Cando ideamos o servizo, pensamos moito neste tipo de sectores, nos artesáns, nos repartidores e na cantidade de negocios que cada vez máis ocorren nas rúas ou a domicilio.

O que está a ser unha sorpresa para nós é a boa acollida que está a ter entre aqueles comerciantes que non requiren de mobilidade, pero que están fartos de complexos contratos con mínimos de facturación mensual ou por transacción, cotas de mantemento e permanencias, que fan que non saiban o custo real dun servizo que debería ser moito máis sinxelo.

O noso modelo, baseado en cobrar unicamente unha comisión por transacción realizada, fai moita máis xusta a relación entre nós e os nosos comerciantes, ademais darlles a liberdade de mudar de entidade bancaria cando o precisen.

O TPV mediante a rede móbil? Necesítase 4G? En Galicia hai moitos lugares con pouca cobertura móbil …
O TPV pode utilizarse onde o noso móbil ou tableta teñan conexión. Redes wifis de comercios ou públicas, tamén a propia conexión 3G/4G do móbil. Os datáfonos tradicionais utilizados polas entidades bancarias sódispoñen de conectividade GPRS, que está dotada de moita menos cobertura que un moderno teléfono 4G, por iso SetPay pode ser utilizado en moitos lugares onde os datáfonos dos bancos dan problemas. En calquera caso, é certo que nos lugares onde non dispoñan de cobertura, necesitarán dunha rede wifi.

A súa compañía naceu en 2012, en plena crise. Por que se decidiron a dar este salto adiante nun intre tan difícil?

É certo que nacemos no peor momento da crise económica, e deixar bos postos de traballo para lanzarse a aventura non estivo moi ben visto nas nosas casas. Tamén estabamos nun momento de crise de reputación dos bancos, e a demanda de servizos alternativos comezaba a aparecer en Europa. 

Agora mesmo, dentro das novas tecnoloxías, este sector coñecido como Fintech (tecnoloxías financeira), parece ser o de maior crecemento e onde se comezan a fixar todos os grandes (Google, Amazon, Microsoft….). De feito, as grandes entidades bancarias non deixan de facer declaracións o respecto e estanse a mover para ofrecer novos servizo e investir en novas compañías para non perder o carro do sector.

Que tería que facer unha persoa interesada en empregar Set Pay para coñecer mellor e probar o trebello? Que custe aproximada ten para o cliente final?

O noso lector de tarxetas ten un custede 79€, a partir de aí, só se cobraría unha comisión de 1,99% de cada cobro con tarxeta realizado. Sen mínimos nin cotas de mantemento. Como apoio os pequenos comerciantes, permitirmos que a compra do lector se faga a 12 meses, e tamén temos o compromiso de devolución en 30 días se non están satisfeitos co servizo.

Todas as administracións levan varios anos presumindo de novas axudas para os emprendedores. Cal foi a súa experiencia ao respecto? Contaron con axudas públicas?

Hai que ter en conta que a nosa empresa é un caso especial. Como startup tecnolóxica, as posibilidades de que a empresa peche sen chegar a dar beneficios son de máis dun 80%, polo que é complexo encaixar nun esquema de axudas públicas ou subvencións o emprendemento como tal. 

En cambio, si tivemos apoios debido a nosa compoñente innovadora, obtendo préstamos públicos por parte do Ministerio de Industria. Tamén estivemos en conversas cos organismos locais de capital risco, pero nas nosas dúas primeiras roldas de inversión non foi posible contar coa súa participación. Agora que estamos a piques de pechar unha terceira veremos se é a vencida.

Que cambios a nivel normativo consideran vostedes que serían necesarios para favorecer o emprendemento a nivel administrativo e burocrático?

Todo o que sexa axilizar trámites e procesos facilita a creación e competitividade das empresas. Só para que te fagas unha idea. Nos fomosa segunda empresa en Europa en lanzar este servizo, pero nos vimos lastrados por un proceso de autorización de dous anos por parte do Banco de España. 

Por mor da falta desta licencia, varias empresas de Alemaña e Reino Unido nos levan moita vantaxe e nos vemos condenados a loitar no noso propio país por unha cota de mercado inferior. Consecuencia, en lugar de xerar centenas de miles de euros o ano en IRPFs, IVAs e demais impostos. A nosa achega as arcas públicas é moito menos e temos unha cuarta parte de traballadores que estas empresas.

Setpay xa está dispoñible en Portugal... Cales son os seus plans de futuro a medio prazo?

Portugal é un mercado moi interesante para nós. As entidades bancarias non utilizan os medios de pago como “produto reclamo” e as súas comisión son máis altas, polo que somos moito máis competitivos que en España. Ademais, o número de pagos por tarxeta son moito maiores no país luso. 

A curto prazo estamos traballando en pechar unha rolda de financiación que nos permita liderar o sector en España e Portugal, para despois poñer o noso punto de mira en Latinoamérica, de onde estamos recibindo moitos contactos de grupos empresariais interesados e compartir a explotación do servizo."              (Manuel Vilas, Galicia Confidencial, 19/12/15)

No hay comentarios: